Thursday 02 de May de 2024

O concello retomará a atención ao público o día 18 con cita previa e medidas de hixiene e separación


 

As/os empregados municipais incorporaranse ao traballo en dúas quendas, o día 11 a primeira delas e o 18, o resto de cadro de persoal, agás as persoas máis vulnerables

O concello comeza este luns a volta á nova normalidade coa reincorporación de parte do cadro de persoal que traballaba de xeito telemático desde a declaración do estado de alarma. As/os xefes de servizo e
de departamento e o persoal de apoio que determinen as/os titulares de cada concellería volverán aos seus postos presenciais tanto no concello como no IMCE, Emalcsa, Emvsa, Consorcio de Turismo, Fundación Luis Seoane e Fundación Emalcsa. Tamén se incorporarán as/os conserxes dos colexios atendendo á resolución da Consellería de Presidencia do 5 de maio para facer viable a apertura dos centros educativos.

As/os responsables das distintas áreas reorganizarán os servizos para cumpriren coa separación mínima de dous metros entre traballadoras/es e instalando barreiras cando non se poida acadar esa distancia. O concello repartirá luvas, máscaras e hidroxel entre o cadro de persoal, evitará as reunións e manterá a separación de seguridade dentro das dependencias municipais. Se algunha ou algún traballador presentara síntomas de enfermidade, aplicarase o protocolo existente e quedará na casa ou illarase nun espazo cerrado mentres chegan os servizos médicos, en caso de que os síntomas aparezan no traballo.

O resto das e dos traballadores, salvo as persoas consideradas especialmente vulnerables ao Covid-19 (persoas con patoloxías previas, mulleres embarazadas e maiores de 60 anos), retornarán ao traballo presencial o día 18, seguindo co proceso de desescalada.
O público volverá a recibir atención presencial desde o día 18, pero sempre con aforos limitados, cita previa e gardando as distancias de seguridade establecidas.
En todos os lugares abertos ao público haberá barreiras de separación, dispensadores de hidroxel e colectores para luvas e máscaras.
O Goberno local que preside Inés Rey avanza así hacia a nova normalidade e restablece a atención persoal despois de dous meses de peche a causa da pandemia, tempo en que até 500 traballadoras/es chegaron a conectarse a diario á rede do Concello para desenvolveren o seu labor. Neste período o executivo fixo melloras na páxina web municipal para facilitar á cidadanía que realizase por ese medio máis de 60 trámites. Agora volve a atención persoal, co mantemento da saúde de usuarias/os e traballadoras/es como principal prioridade para o Goberno local.